8.11.10

Luns de outono

Malia que esta semana ando máis liado ca a pata dun romano, a min o meu blog seméllame un geranio nun tiesto: se non o regas morre redondo. Xa que logo, aínda que sexa apenas como relanzo mental despois de tanto rigor académico, aí vai un pensamento vagamundo.
Quixera falar de cousas con mala fama que non teñen culpa ningunha. Por exemplo, o luns, o día da semana (despois do muermingo) máis odiado, deostado, e vilipendiado. Maldito luns, puto luns, cajonolunsdediós, por aquí sobrevivindo ao luns... oése o luns no café. Culpa terá o pobre luns de vir despos da finde! Eu coñezo un tipo -militante no máis radical optimismo- que di que o malo dos venres é que xa anda máis preto o luns. Hai que joderse. Al respective, lin hai pouco unha fórmula que lles recomendo: Non é Qué día teño. É Qué día quero ter. A min vaime funcionando, non crean.
O mesmo que lle pasa ao luns lle pasa ao outono. Como vivimos a golpe de caixa tonta e topicazos de Corte Inglés, o outono é o paraíso da síndrome postvacacional, da insoportable lonxanía do próximo verán, da lembranza de churrascos, sardiñadas, verbenas e outras horteradas estivais, da vuelta al cole, dos fascículos e do cambio de hora. Logo anda un medio mes aparvado, preguntando pola vella ou pola nova? Pobre outono.
Eu, xa ven, adoro o outono, as cores do outono, o cheiro a bosque e fume do outono, o doméstico e case materno sosego do outono, o silencio capturado nas pólas baldeiras e na pátina mol das follas secas, un silencio que semella acubillarse no tobo en espera da vindeira luz. O outono nas selvas de Galicia-Broceliande é do mellor que a inmensa deseñadora que é Natura pode servirnos. O malo é traballar, claro. Pero, para outonos jodidos, que lle pregunten aos porcos. Non se consola o que non quere.

2 comentarios:

paideleo dijo...

Do luns dicir que teño un compañeiro que di " é máis feo ca un lunes ".
O outono eu míroo dende a perspectiva rural e non é mala época.

juan l. blanco valdés dijo...

A iso vou: é que dende a perspectiva urbana moitas cousas fermosas resultan feas. Ora, hai luns que coincido plenamente co seu amigo.
Apertas.