31.8.08

Retornos e biles negras

Creo que na vaga de materialismo abxecto na que vivimos ―guiados coma años polo irrefrenable consumismo que preside as nosas vidas―, hai pouco espazo para a melancolía, percibida na actualidade como unha sorte de padecemento anticuado propio de románticos e enfermos de pulmón, individuos incompatibles co estilo de vida moderno, un estilo no que a loita constante contra o tempo é o noso pan de cada día e non fican recantos baldeiros para fruslerías sentimentaloides.
Eu, que non dubido en declararme un tipo raro e cada vez menos convencional (no que me deixan, claro…), son un melancólico ―un atrabiliario, dito á latina― e descubro ata nas cousas máis prosaicas un vivir poético, e un chisco tirando á tristura, unha tristura honrada, modesta e sen trompeta. Presa de tal animismo patolóxico, desfacerme de obxectos vellos e inservibles ―un teclado de ordenador, unha sombrilla, un moble, unha tostadora …― cústame un horror, polo simple feito de traizoar co abandono unha convivencia de anos e un servizo fiel prestado ao longo do tempo.
Secomasí, non podía atopar eu maior contento ca o que me proporcionou estes días pasados a lectura de Rebeca (Rebecca, 1938) de Daphne du Maurier, que leo, en tradución de Fernando Calleja, nun volume caracteristicamente encadernado en guáflex e editado en 1972 naquelas inefables coleccións de Plaza & Janés, de título ―«Obras perennes»― que o di todo, colección que vive un repousado retiro en certa casa familiar. Outro día falamos da magnífica novela e a extraordinaria carga poética que destila cada páxina, da súa autora e, ata se queren, do ollo clínico de Hitchcock, quen apenas dous anos despois de publicada a obra intuíu o seu filón cinematográfico e a levou ao celuloide nunha das, para min, máis memorables películas de todos os tempos.
Hoxe, días de axetreos, despedidas, maletas, voltas, retornos, síndromes, realidades e rutinas que ―ai!― é preciso retomar, recupero nun treito de du Maurier, un sentido netamente melancólico dun lugar común do veraneo: dicir adeus.

Hoy, cuando el cerrar los cajones y el abrir de los armarios de los hoteles o las estanterías impersonales del chalet alquilado es sencillamente una cuestión de rutina ordenada, siento cierta tristeza, como si perdiera algo. Aunque por poco tiempo, aquello ha sido nuestro. Aunque sólo hayamos pasado dos noches bajo aquel techo, algo nuestro queda allí. Nada material, por supuesto, ni una horquilla sobre el tocador, ni un tubo vacío de aspirinas, sino algo indefinible, un momento de nuestra vida, un pensamiento, un estado de ánimo. Esta casa nos cobijó y, entre estas paredes, nos hemos querido, nos hemos hablado. Hoy seguimos nuestro camino, no la volveremos a ver y, por ello, ya somos diferentes, hemos cambiado de modo imperceptible. Ya nunca volveremos a ser los mismos de antes.

Pero non pinguemos a bágoa. Na rutina, na volta, non todo é malo. É, por exemplo, un pracer reencontrarme de novo contigo ―amigo, amiga― e podermos seguir cambiando impresións, reflexións e ideas sobre esta congostra revirada, doce e amarga, que é a vida.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Xa somos dous, don Juan, desa especie atrabiliaria.

juan l. blanco valdés dijo...

Coño, don Manuel! Enorme pracer velo de novo por estes pagos, facendo parte, ademais, da lexión da bile negra (bandeiría que, doutra banda, xa intuía eu en vostede).
Este outono, impartindo aulas de certo máster na olívica minerva, agardo ter pé -iso espero- para máis dun grato encontro con V.E. Apertas.

donagalaica dijo...

Faise, faise máis levadeiro ao atopar con este blog amigo, pero é duro de carajo.
Hai quen bota contas, até dentro de 48 semanas non haberá descanso tan duradeiro. Os días son máis curtos -e estes que temos máis grises-, pechouse a casa de verán, pecháronse as sombrillas... Mais eu confío que setembro nos regale algunha fin de semana de sol e praia e tamén en que neste curso que comeza a vida nos regale algunha que outra agradable sorpresa, ou, no seu defecto, que nos deixe como estamos.
É un pracer atopalo de novo.
Comezamos!!!
Saúdos cordiais.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eu sonlle devoto: sígoo sempre. Pero son tan perfectos os seus posts que deixan pouco espazo para o comentario: só para a loubanza e esta, como vostede sabe, se se repite moito faise repunante (sen g). Así que dease por felicitado por xunto. E saiba que me ten de lector fijo.
O da olívica minerva pensei que era un prato de fastfood, pero despois de pensalo un pouco dixen: arrecarallo, temos que quedar pero en serio serio. Monto un ágape por menos que canta Luis aguilé.

juan l. blanco valdés dijo...

Benvida e ben achada de novo, amiga Donagalaica. Élle ben duro en efecto, pero, en xeral, a min a experiencia dime que resulta máis duro pensalo ca poñerse ao tallo. En fin.

Lieber Arume,
Dea, pois, por montado o ágape. E se, ademais, o abona, miel sobre hojuelas (xa sabe que todo o que cae na rede é peixe, maiormente en tempos de crise coma os que corren). A don Luís Aguilé, polos cravos de Cristo, déixeo quedar.
E obrigado polas (inmerecidas gabanzas) e fidelidade. Non repunanta vostede en absoluto.