1.8.06

O dereito a pasmonear


Neste proceso imparable de americanización dos modos socio-culturais de Occidente —o cal en si mesmo non é nin bo nin malo, alá cada quen— creo termos chegado ao case convencemento de que o traballo é unha obriga e as ferias (ou vacacións, a min gústame o lusismo) unha especie de privilexio ao que a penas temos dereito. Nunha sociedade como a española, co récord europeo en horas adicadas ao traballo e baixísimos niveis de produtividade —literalmente: ir ao traballo a rascar o carallo, ejem, perdón—, estase sistematizando a figura do tipo ou tipa que presume do moito que traballa: joder, tío, non paro, acabo de chegar de aquí a mañá voume palá, o que, claro está, debe ser traducido por fíxate o importante que son. Non os aguanto. O meu entorno está cheo de individuos persuadidos de que do seu labor intelectual depende o futuro da civilización occidental. O traballo transfórmase así nun valor e o dispor de lecer nun signo de pouco volume social: o tempo libre é, polo tanto, propio de xentes de pouca importancia.
Eu teño unha amiga que un día me dixo que reclamaba o dereito a pasmonear. Pois ben, signo da miña intrascendencia socio-cultural, vou a exercer ese dereito no días vindeiros.
Tirarei, non obstante, ao mar algunha mensaxe nunha botella.
Non podo deixar de mencionar o fondo musical da redacción deste post: o contrapunto do piano de Carla Bley, saxo de Andy Sheppard, e o baixo de Steve Swallow no número 4 de Songs with Legs, "Misterioso", orixinal de Thelonious Monk e arranxado por Bley. Xenial. Para escoitar a tope de volume e pechando os ollos. De cando o jazz pode facerte chorar de pura emoción.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei se coñeces "O dereito á preguiza", de Paul Lafargue. Fala un pouco diso, está moi ben.
Felices vacacións. E que vivan o pasmoneo, as musarañas, os burros voando!
Unha aperta

juan l. blanco valdés dijo...

Creo ter sentido falar del. Parece unha lectura ideal para combinala coa sombra dun piñeiro, a bris e o rumor das olas. Obrigado. Unha aperta.

torredebabel dijo...

boas vacacions! lemonos de novo en setembro!