30.5.06
Con Isaac
O venres pasado, día 26 de maio, asistín na Casa de Cultura de Cuntis, o popular «hospitalillo», á entrega do premio Blanco Torres ao querido Isaac Díaz Pardo. A louvanza -laudatio- que del fixo o tamén moi querido Xesús Alonso Montero foi unha peza excepcional de erudición, vigorosa retórica e fina retranca do país. Pero, sobre todo, de amizade. Nisi in bonis amicitia esse non posse, deixou escrito o vello Tulio, que sobre a amizade sabía tanto que escribiu un tratado: só entre os bos e xenerosos é dable atoparmos a auténtica, a verdadeira amizade, alén de intereses ou trasacordos.
No mesmo día sabíase que Isaac era apartado definitivamente da responsabilidade da empresa que el construíu e que representa un símbolo vivo de Galicia: o Castro, Sargadelos. Non teño datos nin competencia para avaliar esa medida —malia ter, claro está, a miña opinión respecto da mesma e da catadura moral dos suxeitos que andan tras dela— pero é obvia a súa indelicadeza para cun ancián venerable, a quen sen dúbida a decisión e o seu aireo na prensa van amargurar ben os seus últimos chanzos nesta escalera retorcida e fodida que é a vida. Dende estas páxinas, vai, Isaac, a homenaxe do meu agarimo e recoñecemento e una aperta tan forte coma a que nos demos o venres pasado diante do hospitalillo de Cuntis.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
I love your website. It has a lot of great pictures and is very informative.
»
Publicar un comentario