13.2.06

Unha lección de natureza




É certo que a capacidade do ser humano para se adaptar a condicións adversas é admirable e de proporcións só mensurables cando ten que enfrontarse realmente a elas. Boa mostra disto é o xeito en que na Galicia contemporánea os seres humanos con sensibilidade cara á beleza (o que comporta, claro, a beleza natural, isto é a paisaxe) nos levamos vendo na obriga de convivir co horror urbanístico e a desfeita sistemática do medio por parte dunha poboación dotada, por termo medio, dunha bagaxe ética e estética absolutamente lamentable. ¿Qué este é un razoamento elitista? ¡Pois claro! Eu pertenzo á elite de quen ve o lixo e lle molesta. Eu pertenzo á elite de quen procura arrodearse de obxectos harmoniosos na súa casa, dentro das posibilidades de cada quen. Eu pertenzo á elite de quen recolle a caquita del perrito nunha bolsa cando o saco a pasear. Eu pertenzo á elite de quen vasoira o lixo diante da súa casa, sen agardar a que sexa o concello quen o faga (esa cousa de vivirmos subvencionados...).
Eis unha -entre un cento- das razóns polas que nunca sería (nin serei) nacionalista: o nacionalismo esixe un miolo de orgullo polo país (lembro a Augusto Assía, quen, á pregunta dunha entrevistadora, sobre se era nacionalista, respostou: Si, eu son nacionalista dos Estados Unidos), orgullo do que, de verdade, me teño que recoñecer por completo carente. Viaxando por Galicia e vendo o que se ve, só sinto mágoa, pena, frustración, e o convencemento de que un país tan sistematicamente mancillado, queimado, ensuciado non ten remedio. É imposible imaxinar sitios tan estremecedoramente feos e sucios coma -a penas dous exemplos entre un abano inmenso deles- Camariñas ou Malpica (non teño ánimo de ofender: digo o que sinto) no seo de paraxes naturais tan sublimemente fermosos.
Neste contexto, atopar recantos de mimo pola natureza e de harmoniosa integración da intervención humana co entorno como a reserva de animais de Marcelle (a uns dez quilómetros de Lugo), é algo completamente excepcional e que o reconcilia a un co país. Pasei onte unha xornada gratísima na compaña de varios amigos e os seus (e os meus) nenos. Cervos asiáticos (axis), cabras tibetanas, emúes (aves australianas semellantes aos ñandús), gacelas de Thomson, linces boreais (animais dunha beleza e elegancia simplemente indescritibles), bisontes, antílopes, dromedarios, cebras, renos, mapaches, porcos coreanos, muflóns, avestruces... en instalacións grandes, coidadas, limpas. Un paseo que se acaba transformando en toda unha lección de natureza nun ambiente de altísimo sentido ecolóxico e de indubidable rendemento didáctico para os nenos. Noraboa ao propietario (trátase dun parque privado). Moitas grazas a Diego, o monitor que nos acompañou na primeira parte da visita, simpático e paciente cos nenos e moi ben informado.
Mención especial para o escultor en madeira encargado de dar o selo persoal á instalación.
Para chegar: A6 ata a saída a Outeiro de Rei. Despois de pasar Outeiro, xa está indicado (Zoo Marcelle). O desvío á dereita está nunha aldea (que cruza a Nacional VI) que se chama San Martín de Guillar.

No hay comentarios: