3.10.22

Cíclicos retornos

 

Nas prensas universitarias imos editar en breve prazo o ensaio dun coñecido político, xa non en activo malia aínda con azos e abonda enerxía, sobre o momento socio-político actual de Europa. O libro leva como título El horizonte europeo e, sobre esta idea, ocorréuseme  que unha cuberta bonita e conceptualmente coherente coa liña de pensamento da obra (e admito que non foi precisamente un alarde de orixinalidade) sería unha bandeira da Unión recortada sobre un ceo azul. Azul pero tamén con nubes, non precisamente ameazadoras pero si alertando de posibles mudanzas no horizonte. Ao autor gustoulle o meu minimalismo e a limpeza do conxunto e así fardado sairá o libro á rúa. Alá veremos.

Cando morreu Francisco Franco Bahamonde, suspendéndose por fin a aburridísima emisión diaria dos informes do equipo médico habitual, eu tiña quince anos e lembro moi ben aqueles tempos. Co pasamento de su excelencia expiraba a única ditadura europea sobrevivinte do tremendo decenio 1935-1945. Primeiro en Ialta e despois en Núremberg e Hiroshima, Occidente liquidou contas coa vesania fascista, para o cal a peaxe foi, entre outras cousas, deixar facer a Stalin. Así se xestaron varias magnitudes: o telón de aceiro, a guerra fría, a escalada nuclear, o muro de Berlín, a OTAN e o Pacto de Varsovia, a primavera de Praga, o maio francés…, que non eran máis que síntomas e efectos da mutua desconfianza entre potencias que levaban séculos a paus. Pero logo, por fortuna para os contendentes e a súa descendencia, no escenario de tantos desastres foi eclosionando a idea de que había que gozar da vida e, arroupados por un tranquilizador sistema de alternancia política entre unha dereita civilizada e unha esquerda que renunciaba definitivamente á fouce e o martelo, os europeos inventamos o estado do benestar. O malo do invento é que, como normalmente o mapa do mundo de calquera ser humano é pasalo ben e a procura da boa vida non sabe de razas nin nacións, pouco e pouco fóronse sumando ás colas da prosperidade europea xentes meridionais e de pel escura, co cal o estado do benestar deu orixe a unha nova magnitude que hoxe é unha palabra chave para entendermos o mundo contemporáneo: inmigración. Esta nova marea de pretendentes a europeos, incrementada ano tras ano, avivou en moitos países unha chama que ata agora criamos apagada. O nacionalsocialismo alicerzou o seu supremacismo racial nunha idea elemental, que os nazis chamaron Volksgemeinschaft, é dicir, comunidade popular, un intenso sentimento de pertenza á caste dos superiores e un aínda máis intenso desprezo ao diferente. Semella que, no mundo das ideas, cando se trata da irresistible sedución do dominio non hai solución de continuidade e todo está sometido a un cíclico retorno.

En España, a extrema dereita que sobreviviu a Franco, depositaria sagrada dos trasnoitados valores do nacionalcatolicismo, era un conxunto de melancólicos esperpentos comandados por un notario de Madrid que celebraban a Pinochet e daban vivas a Cristo Rei. A extrema dereita de cincuenta anos despois, nutrida na Europa máis próspera e pacífica da historia, é unha ideoloxía 3.0 á que o moderno márketing electoral lle pon o rostro amable e picarón de Giorgia Meloni ou o aspecto de inofensivo burócrata de Morawiecki. Pero non nos enganemos. O de Italia non é unha broma, ben en troques, un serio aviso a mareantes. Orbán, Morawiecki, Meloni, Salvini, Åkesson, Paludan, Abascal constitúen a nova Liga Santa, son os modernos cruzados contra os inimigos do mundo, do seu mundo: feministas, inmigrantes, musulmáns, homosexuais… Agardo que Deus teña un plan B.  

No hay comentarios: