20.8.22

A futura Galifornia

Nunha breve viaxe de mocidade pola costa de Armórica, voltando de latitudes máis boreais, lembro o impacto que me produciu a semellanza das ribeiras, cons e furnas bretonas co litoral norte de Galicia, ata o punto de reafirmarme, mercé á paisaxe, na idea dun celtismo compartido polos dous países, malia que, claro, en graos diferentes. A verdade é que a chama da miña radical querencia céltica prendeuse o día en que adquirín o elepé de Alan Stivell Live in Dublin, adquisición á que seguiu Fonte do Araño, de Emilio Cao. Hai anacos da lembranza que se van atesourando como alfaias, como momentos perfectos nos que os sentidos se coaligan para proporcionar sensacións inesquecibles. O sentimento vence a idea, sobre todo cando a idea se non è vera, è ben trovata. Aquelas noites de inverno nas que, co doce murmurio da choiva e o fondo musical de Pachpi Kozh ou a Pandeirada de Nebra, un adolescente de pelo roxo se abismaba na lectura dos Estudos sobre a Edade do Ferro no NO da Península Ibérica de Cuevillas definiron unha irmandade de emocións s sinerxías que nunca o abandonaron. Aínda hoxe, subxugado por unha intensa vivencia romántica da natureza, séguenme engaiolando as notas características da paisaxe céltica atlántica, ou, máis ben, do que se ten trasladado ao imaxinario internacional como a paisaxe céltica atlántica: verdes eidos; valados de granito; cumes e tesos impoñentes; fondos cavorcos; bosques silandeiros, mestos de fentos, carballos e soutos centenarios; costas bravas e brumosas; antas, mámoas e castros; regatos cristalinos; relanzos onde suspiran as fadas e brétemas que desdibuxan o mundo e o enchoupan de misterio. Unha vivencia, por certo, que subxugou tamén a xeracións enteiras de intelectuais do país, que viron na irmandade céltica unha pegada cativadora da nosa cultura: Ei Armórica, Cornubia e Cambria / Escocia, Galicia, Erín e a Illa de Man/ son as sete nazóns célticas, fillas do rei Breogán. 

O relato de Chesterton A honradez de Israel Gow (The Honour of Israel Gow, 1911), que decorre nos highlands escoceses, comeza con estas palabras: A stormy evening of olive and silver was closing in: ‘Caía unha tardiña tempestosa, de aceituna e prata’. Apropieime da metáfora cromática e incorporeina de contado ao meu repertorio lírico pois é difícil dar cun símil visual que transmita dun xeito tan brillante a paisaxe atlántica, o harmónico matrimonio entre o verde da terra e o gris do ceo.

Verde da terra e gris do ceo? Todos os indicios científicos, refrendados por reputados meteorólogos e edafólogos, anuncian que o clima de Galicia, de toda Europa en realidade, está camiñando con pés de xigante cara a un quecemento global e unha seca cada ano máis intensa. Galicia será como Andalucía e Andalucía como Mauritania. Ao  verde e o gris seguirán o amarelo e o azul. As consecuencias, como é ben sabido, serán moi preocupantes en moitos sectores. Pero a min, que arrimo a ascua á miña sardiña, preocúpanme as repercusións do cambio climático na lírica da humanidade.

Chove en Santiago, meu doce amor... Disculpará o benevolente lector a miña ignorancia neste punto, pero non teño noticia de que a seca e a calor inspirasen ningún poeta. É posible, non digo que non, que se teñan cantado as dunas do Sahel, as fogaxes de Atacama ou os cactus de Sonora, pero non coñezo tales composicións. A choiva, o ceo gris e melancólico sobre as cidades de pedra son, en troques, potentísimos motores poéticos. Co tempo, terei saudades do vello clima do meu país. Nunha sorte de profecía autocumprid, odio xa a futura Galifornia, paraíso de turistas.

No hay comentarios: