Por fortuna, conceptos descoñecidos cando eu tiña dez ou quince anos como estado do benestar e calidade de vida foron callando e, pouco e pouco, capìlarizándose co exercicio da xestión pública por parte de xestores novos, formados, viaxados e modernos, con independencia da súa cor política. Co esforzo e compromiso dunha cidadanía exemplar, dotada dunha sensata personalidade que foxe dos extremos e sabe que, se Deus é bo, o demo non será tan malo, Galicia foi desprendéndose do baldón da miseria e sandando as cicatrices dun illamento secular e hoxe é un lugar marabilloso para pasar a vida, un país europeo, aberto e luminoso, acolledor, no que a xente vive o ser galego cun orgullo san e exento de xenreiras inútiles e agravios inexistentes.
O val da Amaía onde este menda habita vai para trinta anos é, ao meu xeito de ver, un destilado ou quintaesencia do que digo. A contorna occidental e atlántica da área metropolitana compostelá é, simplemente, un quitapenas. É pouco probable que exista en Galicia outro concentrado comparable de beleza natural, respecto pola medio e urbanismo razoable e ordenado. Rubial, Saíme, Souto, Gosende, Gontade, Alqueidón, Guitiande, Pedrouzos, Sanín, Vilanova, O Cabo, Lago, Buio… son anacos de mundo indisociablemente unidos á miña experiencia, íntima e benquerida, diso tan sutil e maliño de definir que chamamos felicidade. A paz da aldea, o arrecendo a lume no outono, a brétema que vai, lene, acariñando as valgadas nas tardiñas do inverno… Doutra parte, a quince minutos, a ría de Noia, para min a máis fermosa das nosas rías, custodiada polo coloso de Louro, orlada de praias e recantos dunha beleza case ofensiva. E, cara a Santiago, Bertamiráns, que, ao dinámico e vibrante carácter urbano dunha pequena cidade e centro comercial aberto, reúne unha deliciosa rede de espazos verdes flanquedos por un tecido urbanístico homoxéneo e coidado. Engada vostede a todo isto o microclima característico dun enorme val arrodeado de montañas coa dozura do océano veciño e obterá a estampa do paraíso. Eu, de feito, teño pensado comprar uns zapatos de dous números menos para sufrir un pouco...
No hay comentarios:
Publicar un comentario