Na primeira
longametraxe pornográfica da historia do cine, unha moza cun curioso defecto conxénito
na súa anatomía consegue a plena satisfacción sexual grazas á rendibilidade que
tira do seu defecto (aínda que, neste caso, resultaría bastante chusco afirmar
que fixo do seu defecto virtude, pois virtude, stricto sensu, a moza tiña máis ben pouca…). Esta película, rodada
en 1972, cuxos custos de produción foron de 50.000 dólares e que recadou más de
600 millóns, chamábase, en honra da zona anatómica afectada, Garganta profunda, un éxito de público
que amosa ben ás claras o moito que lle poñen á peña as truculencias e extravagancias.
Pouco
despois, e facendo gala dunha ironía moi WASP, o título do filme foi troquelado
para designar o informante, un axente do FBI, que anonimamente puxo en
antecedentes dous xornalistas do Washington
Post, quen, finalmente, destaparon un dos máis soados escándalos políticos
do século XX, o Watergate, que fixo caer o presidente Richard Nixon. Por
extensión (ou por colonización cultural, vaia usté a saber), dende entón no
argot xornalístico se lle chama garganta
profunda a calquera gorxa que, como no salmo, de profundis larga o necesario para lle buscar a ruína a alguén,
sempre que atope un xornalista con dous pares de narices ou ganas de
notoriedade.
Un garganta
profunda de moda nestes días é o que lle chantou a certo medio de comunicación unha
xugosa información sobre certa presidenta e certo máster, asunto que ten
soliviantado o país dende semanas. Pero lonxe da dimensión monumental, exemplar
e case heroica do Watergate, nun país, no que, como dicia don Ramón de las
barbas de chivo, «el cielo es una kermés
sin obscenidades, a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de
María», o escándalo que destapou o noso doméstico garganta profunda é unha
historieta de guiñol, vulgar e trufada de mezquindades, na que un fulano agredido
na súa vaidade (e acaso tamén no peto) decide unha vendetta a tutiplén. O que vén despois é a bóla de
neve de regulamento nestes casos e neste país de traca: unha política que mente
como unha bellaca (cousa rara!), funcionarios presionados, actas falseadas,
traballos académicos que non aparecen, reitores que un día lembran e outros non… Entre 2004 e 2010 titoricei unha trintena de traballos fin de máster no máster propio e logo posgrao oficial en edición da Universidade de Santiago. Gardo magnífica memoria de cada un deles e de cada alumna ou alumno que, con grande esforzo, os idearon e redactaron. Ora, ademais de magnífica memoria, gardo tamén unha copia de cada traballo nas tripas do meu ordenador. Porque o que garda sempre ten.
No hay comentarios:
Publicar un comentario