A sombra da lenda negra hispana é ben alongada e adéntrase
sen dúbida en múltiples aspectos da España contemporánea. Recurtada contra o
horizonte, a negra silueta do touro, emblema famoso de certa bebida espiritosa
e especie catalogada xa, por certo, en extinción, constitúe de seu, e para alén
do seu valor intrinsecamente publicitario, un crisol onde se funden boa parte
dos medos e obsesións que, malia unha edulcorante modernidade, nos alicerzan
como sociedade. O aillamento, a razón crúa da forza, a violencia, o exterminio
calculado… semellan seguir aparecendo
como pantasmas do pasado cada vez que, ben entrado o século XXI, se exhuman os
restos dalgunha vítima esquecida do 36. A setenta xustos anos daquel cataclismo
civil, moitas das razóns que alentaron tan brutal contenda entre irmáns
continúan nutrindo un insoportable clima de permanente enfrontamento político e
social: a matraca da cuestión
territorial, unha conciencia de nación sempre na UVI e a obvia imposibilidade
de que dereita e esquerda cheguen a calquera entendemento.
De por parte, creo que o esforzo que a sociedade fai
diariamente para superar este clima tan grato á nosa clase política evidencia que
o grao de maduración social de España é proporcionalmente inverso á calidade
dos seus políticos. Porque aquí, non o esquezamos, negociamos todos e todos
cedemos cando toca: pais con fillos e fillos con pais, esposas cos seus homes,
colegas de traballo, veciños de urbanización, mestres con alumnos… argumentan,
falan, escoitan, encírranse e perdóanse para chegaren finalmente a a acordos
nos que asentar a convivencia e o progreso da familia, da comunidade de
veciños, da empresa, do colexio. Pero o que é norma de conduta na vida cotiá
dos cidadáns semella algo inatinguible na turris
eburnea onde habitan os nosos políticos, máis preocupados de trackings e
enquisas ca da vontade de servizo (esta, como o o touro do coñac, outra especie
en extinción).
Dá o mesmo. Sempre haberá motivos para reconciliarnos co
mellor de nós propios. Nos remates deste caloroso verán, e tras varios días no
aloxamento rural de certa serra apartada e fragosa, tocou, como é natural,
abonar a factura, moi económica, a verdade. Como queira que durante as ceas
deses días gabamos moito a calidade dos
tomates (caseiros, frescos e extremadamente saborosos), antes de marchar a
propietaria regalounos unha caixa de fermosas hortalizas, algo inaudito noutras
latitudes, tal vez máis prósperas e influíntes no concerto das nacións.
Poida
que non teñamos goberno; pode, mesmo, que non teñamos remedio e pode, seguro,
que este non sexa o mellor país do mundo. Pero ten cousas que o fan especial.
Humano, diría eu. Non é pouco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario