22.6.11

Godot

Eu non vivín máis épocas ca a miña (intelixentísima constatación, por Xúpiter!). E, como non vivín máis épocas ca a miña, teño que botar man desa señora que por veces se pon tan seria e que todos coñecemos como Historia. Pero nin a Historia é quen de elucidar unha dúbida que hai tempo me ronda pola chola e que se relaciona co recente movemento de indignación popular, que, polo visto, periclita sen remedio. A miña hesitación formula ata que punto os diferentes sistemas políticos e socioeconómicos polos que o mundo veu transitando foron quen de fagocitar os movementos alternativos que, como reacción ás maldades daqueles, se desenvolveron xa con máis xa con menos intensidade. De certo que un historiador solvente ou un sociológo listo podería argumentar con moita más autoridade ca este impertinente curioso. Pero, sen que os meus escrúpulos queiran ser unha chamada ao derrotismo nin un alegato a prol do desánimo, non podo desfacerme de certas sospeitas nin do desexo impostergable de botar o meu cuarto a espadas. Non rematou EE.UU por facer o que lle veu en gana en Vietnam? Levantouse alguén en armas tras o asasinato de Osama Bin Laden lembrando aos americanos que, por moito que semellante esperpento tivese ben merecido o castigo, non poden facer o que lles pete? Onde estan hoxe os hippies? Supoño que os que sobreviven son honrados pais ou nais de familia que, por toda manifestación de inconformismo, perfúmanse con pachulí, queiman sándalo na salita e escoitan a Ravi Shankar, Janis Joplin ou o mago Hendrix. Que foi do milagro comunista? Pois que aos alemáns do Leste, que hoxe conducen un BMW, lles parece incrible que os seus pais conduciran algunha vez un Trabant, que semellaba un coche de tiovivo. E os heroes do 68? No mellor dos casos, melancólicos crónicos dun pasado que, como todos os pasados, se nos aparece tinxido dunha gloria e brillo incomparables coa mediocridade presente. E entón voltamos, coa salmodiante monotonía do tópico, a aquilo dos vellos tempos, época arcádica que, normalmente, a ninguén lle interesa o máis mínimo. Por veces xorden espíritos sinceros que son quen de chamar as cousas polo seu nome e percibir o frío que segue ás festas, cando xa non queda ninguén e o escenario de tanto exceso se viste de patético baldeiro. Así, un dos Panero chamou o desencanto aos anos que seguiron a euforia da transición, these wonderful years nos que -ao lume espeso dos Ducados primeiro e dos porros despois, á luz escasa dos flexos que remataban por poñernos a cara da cor do leite fervido- vivimos intensamente a ilusión de mudar o mundo. E mudou? Home, si, mudar mudou. Había partidos políticos, saían tías en bolas en Interviu, Supertramp tocou en Pontevedra, despareceu a censura e no país respirábase un aire de calidade, digamos, normal, non aquel gas deletéreo da ditadura, que fedía a incenso e mexo seco. E pouco máis. Ao cabo, os socialistas deviron sociatas adosatas, descubriron o pracer da ducha daria, o coche oficial e o despacho de deseño, e os comunistas, acomplexados e incapaces de adaptarse aos novos tempos, houberon de refundar, entre as cinzas cun pasado sublime, un partidillo marxinal. E daqueles ventos estes lodos. Sic transit gloria mundi. Que será dos indignados de hoxe, que, inasequibles ao desalento, seguen esperando a Godot? Pois apostaría a cobertura do meu móbil a que en oito de cada dez casos, ou moito muda o mundo ou en vinte anos estarán satisfacendo relixiosamente unha hipoteca, terán un golden retriever que atende por Strauss, un 4x4 coreano a prazos e serán adictos ás ofertas de Mercadona e Halcón Viajes. E, mentres, esperan a Godot, sen se decataren, tal vez pola ofusación do desespero, tal vez pola vehemencia da indignación, tal vez por seren mozos afoutos con gana de comer o mundo, que Godot non se presenta xamais, e que, contra toda esperanza de cambio, no mellor dos casos, tras a festa vén o frío do baldeiro, unha lixeira cefalea e un certo malestar de estómago, como de fartura innecesaria da que mesmo nos arrepentimos un pouco. Ese silencio cando marchan os invitados.
A min a crise estame servindo para reformularme moitas cousas, desbotar absurdas inercias ás que, como todos supoño, estaba afeito e a destilarme diariamente nun novo crisol de escaseza e
apreturas. Hai catro anos tería vaticinado unha convocatoria masiva á masacre perante unha rebaixa de emolumentos como a que sufriu o sector público español. E non pasou nada. Aturamos e seguimos cara a adiante, de novo confiados en que, tarde ou cedo, Godot chegará e nunca choveu que non escampara. Pásmame a capacidade de adaptación colectiva que temos perante a adversidade e aprecio de veras no país seguirmos arrimando o ombreiro, acaso convencidos de que a mal tempo boa cara. No que a min fai, moito ten que virar e torcerse a cousa para desposuírme do entusiasmo, da imaxinación e das ganas de seguir facendo ben as cousas. En fin, o mellor que sei.

No hay comentarios: