28.12.05

Premio Roberto Blanco Torres 2004


O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela -onde, por certo, traballo: feliz coincidencia- vén de tirar do prelo o VI Premio "Roberto Blanco Torres" de Xornalismo Literario e de Opinión (colección ao coidado de Víctor Freixanes), adicado a Francisco Fernández del Riego polas súas colaboracións en La Voz de Galicia. Un feixe de artigos, publicados baixo o título xenérico de Palabras a eito, da lectura detida dos cales (por mor da súa edición) tirei un par de conclusións:

-del Riego pertence a unha xeración de xigantes: pola súa cultura (Kafka, Borges, Toulouse-Lautrec, Gabriela Mistral, Woodsworth, Hemingway, Rof Carballo, Clarín, Pastor Díaz...; Ribadavia, París, o Xurés, Roma, Bos Aires... desfilan polas páxinas do libro), pola súa humildade, pola absoluta ausencia de fanatismo, intolerancia, sectarismo...
-os membros desta xeración non escribían, polo tanto, para convencer nin para facer adeptos a unha causa, nin estaban obsesionados polo que o lector quería ler. Escribían sobre o que escribían porque si, porque era, porque é preciso manter certos valores, alén do tempo e da circunstancia concreta.

Un libro delicioso. Falei hai uns días con don Paco para lle anunciar o envío de exemplares do seu libro. Estaba, como decote, puntual, no seu despacho da Fundación Penzol. Ten 92 anos. Cando estalou a Guerra e tratou a Roberto tiña 23 anos. Afable, repousado, modesto, alegre e ilusionado polo libro. Agardo que lle guste. A súa dona non anda moi ben. Deséxolles a ambos os dous, dende estas páxinas que ninguén le, o mellor para este 2006 que xa asoma a cabeza.
Don Paco contoume que o segredo da súa lúcida lonxevidade estaría nunha ama de cría que tivo alá en Lourenzá e que bebía un churrupio de caña antes de lle dar o peito ao neno... Pode ser.

No hay comentarios: