3.10.05

libro impreso /vs/ libro dixital


Na miña opinión, ese hoxe tan cacarexado debate entre libro impreso-libro dixital asenta en si mesmo nunha dialéctica superflua, ou, cando menos, artificial e interesada: non podo, nin quero, sospeitar un mundo no que a comunicación se reduza ó chat, do mesmo xeito que non podo imaxinar levarme á praia, ou ós pés dun carballo no verán, un rocket book por moi rápida e limpamente que o teña baixado da rede e sofisticado e cómodo que sexa o seu dispositivo lector. O libro, tal como o coñecemos ata agora, é un producto demasiado perfecto, culminación na súa estructura dun complexo e longuísimo proceso histórico, como para que estea chamado a ser totalmente substituído por outro artefacto que, na fin de contas, serve para o mesmo. De igual maneira, a Web, a edición dixital e os seus estándares (a propia web en canto interface gráfica, Java, sgml e html, o formato pdf, etc.) supoñen indubidablemente a culminación de anos de desenvolvementos técnicos e hoxe resultaría dunha absoluta candidez discutir que estean contribuíndo directamente á emerxencia dun novo paradigma de interacción cos tradicionais soportes da cultura. Pero as expectativas e o clima social xerados ó seu redor son simplemente excesivos, e sei de seres humanos que, do mesmo xeito que non saen de viaxe en Semana Santa nin lavan o coche a fin de semana, son felices sen saber que é un CD-ROM ou manexarse co correo electrónico. Se van poder seguir sorteando a presión da nova alquimia, ou por cánto tempo máis van poder facelo, é algo imposible de contestar; pero, alén de macrointereses financeiros, globalización e índices de dominación económica internacional, sobre os que obviamente non teño ningún control, non vexo ningunha razón para enfatizarmos máis o valor social, xa non digamos histórico, de Bill Gates que o de Torricelli, Thomas A. Edison ou Marconi. Na miña condición de profesional da edición preciso diaria e inescusablemente do contacto coa rede e cos soportes dixitais e teño perfectamente claro que non podo concibir xa un mundo sen o meu ordenador e o universo babilónico que se atopa tralo seu monitor. Pero tampouco podo imaxinarme a min mesmo con sete anos sen pizarra e pizarrín (nacín en 1960). Asumirmos necesariamente a condición de cidadáns analóxicos ou dixitais, conforme predica a radical tautoloxía dun dos gurús da nova cultura, o director do Media Lab do Massachusetts Institute of Technology Nicholas Negroponte, é unha cuestión subxectiva que depende de moitos factores e avaliacións individuais. Despois de todo, quizais exista aínda outra alternativa: ser só un cidadán que vive consonte o seu tempo pero non acepta etiquetas. E ver qué pasa.

(«Sobre a nova alquimia. Unha reflexión acerca das novas tecnoloxías da cultura»,
Grial, vol. 146, 2000)

No hay comentarios: