18.3.18

Eu non son feminista


Unha pregunta pode ser comprometedora (que non comprometida: comprometida pode ser a resposta) por moitos motivos. Que a alguén se lle pregunte se fai augas menores cando se ducha é unha pregunta claramente comprometedora. Que ao señor presidente da Xunta de Galicia, Jordi Évole lle pregunte se é conservador é unha pregunta comprometedora pois da resposta dependen varias importantes consecuencias (importantes, claro, para o señor presidente da Xunta). As mesmas importantes consecuencias que poden derivarse da resposta do señor Pablo Iglesias (Turrión) se un xornalista lle pregunta se é comunista. Por idéntica razón, e en virtude de idéntico proceso, resulta moi comprometedor para don Mariano Rajoy que se lle pregunte se é feminista. Con todo, mentres, vaia vostede a saber por que, conservador e comunista son adxectivos tinguidos de sospeita e portadores dun miolo pexorativo segundo a ideoloxía de cada quen, hoxe feminista é un apelativo luminoso, enrollao, de moda, ao que se adhire sen dubidalo todo quisqui, sen pararse a pensar (porque pararse a pensar é hoxe unha actividade ignota) que tras o substantivo feminismo hai unha complexa construción teórica e unha praxe creadora, que, con grandes sufrimentos, dende os tempos en branco e negro de Emmeline Pankhurst e as sufraxistas, permitiron que o pasado 8 de marzo millóns de mulleres de todo o mundo converteran nun clamor a negativa, simple e contundente, a seguiren sometidas a servidumes e limitacións en razón da diferencia de sexo. Por iso, eu non me atrevo a afirmar que son feminista, igual que non podo afirmar que, malia amar o meu país, sexa hispanista. Outra cousa, e aí imos, é que, en tempos en que opinar é un exercicio sometido ás tiranías do pensamento politicamente correcto e dos trending topics de Twitter, arriscarse a afirmar que un non é feminista sexa directamente asimilable a ser un landrú dos de la pata quebrada y en casa. Non se trata, ao meu xuízo, tanto de ser feminista como de non ser machista, pois o machismo si é unha actitude primaria que non agocha ninguna sutil construción intelectual senón a máis estúpida e rutinaria convicción da supremacía da testosterona.
O risco, porque todos os extremos teñen a curiosa tendencia de aproximarse, é que os excesos poidan agromar do outro lado da barreira. Propoñer, como recentemente fixo un sindicato, que non se lea a Pablo Neruda por sexista evoca tempos de expurgación ideolóxica que, creo, a ninguén lle gustará lembrar.

No hay comentarios: