
De por parte, creo que o esforzo que a sociedade fai
diariamente para superar este clima tan grato á nosa clase política evidencia que
o grao de maduración social de España é proporcionalmente inverso á calidade
dos seus políticos. Porque aquí, non o esquezamos, negociamos todos e todos
cedemos cando toca: pais con fillos e fillos con pais, esposas cos seus homes,
colegas de traballo, veciños de urbanización, mestres con alumnos… argumentan,
falan, escoitan, encírranse e perdóanse para chegaren finalmente a a acordos
nos que asentar a convivencia e o progreso da familia, da comunidade de
veciños, da empresa, do colexio. Pero o que é norma de conduta na vida cotiá
dos cidadáns semella algo inatinguible na turris
eburnea onde habitan os nosos políticos, máis preocupados de trackings e
enquisas ca da vontade de servizo (esta, como o o touro do coñac, outra especie
en extinción).
Dá o mesmo. Sempre haberá motivos para reconciliarnos co
mellor de nós propios. Nos remates deste caloroso verán, e tras varios días no
aloxamento rural de certa serra apartada e fragosa, tocou, como é natural,
abonar a factura, moi económica, a verdade. Como queira que durante as ceas
deses días gabamos moito a calidade dos
tomates (caseiros, frescos e extremadamente saborosos), antes de marchar a
propietaria regalounos unha caixa de fermosas hortalizas, algo inaudito noutras
latitudes, tal vez máis prósperas e influíntes no concerto das nacións.
Poida
que non teñamos goberno; pode, mesmo, que non teñamos remedio e pode, seguro,
que este non sexa o mellor país do mundo. Pero ten cousas que o fan especial.
Humano, diría eu.