29.10.14

Bendita ignorancia



Naquel século de luces, rapé, polisóns e perrucas que mudou o mundo, a ilustración da razón tinguiu de luz o que antes era a sombra, espesa e ominosa do fanatismo e a superstición. Porque sempre o poder foi amigo da ignorancia e esta paredaña da rutina e a poltronería. O mesmo día que a máquina infernal de Gutenberg inaugurou a produción industrial dos libros, a Inquisición comezou a declinar. Así é que, rematando a décimoquinta centuria, o dominico Filipo Strata escribía:  Est virgo hec penna; meretrix est stampificata  (‘A pluma é unha virxe, a imprenta unha puta’).
De certo, a consolidación do tópico consonte o cal a información e o coñecemento alicerzan a liberdade e a plena dignidade das persoas (un dos piares das sociedades modernas), non se conseguiu senón despois de moito sangue, fume de fogueiras e sufrimento, e probablemente constitúe un dos logros intelectuais máis emocionantes da historia humana.
Internet  e a cultura dixital, o último chanzo na longa escala da socialización  do coñecemento, expandiron e ata banalizaron unha ilimitada capacidade de información ao punto de que, cun trebello que aloxamos no peto, podemos acceder á biblioteca absoluta pola que suspiraba Borges, só con teclear o que buscamos, o que sexa. No outro extremo, así pois, dese péndulo que é a historia, cabe preguntarnos se o dereito e a posibilidade a unha información instantánea e ilimitada non entranan tamén riscos e perigos. Persoalmente, percibo que a presión dos mass media pode resultar a duras penas soportable e que, a forza de teimar, os xornais e telexornais conseguen que malia un asunto deixar de representar ningunha novidade pode seguir sendo unha noticia durante semanas e mesmo meses (Angrois, Asunta Basterra… por poñer exemplos recentes e de amargo sabor compostelán). Semella paradoxal que alguén que mantén un blog dende hai case dez anos poida recomendar  blindarse a unha excesiva exposición informativa como medida de elemental profilaxe. Pero así o sinto. Informarme? Para que? A intensidade do meu noxo acadou o nivel da lobotomía e me acubillo nunha idea, tan plana como consoladora: canto menos saiba de Granados, as tarxetas negras, Pokemon, Gurtel, Mayte Zaldívar, Pujol, Púnica, Bárcenas, os ERE fraudulentos e Isabel Pantoja máis crerei que este país, algún día, terá remedio. Pero tal vez eu xa non o vexa.

No hay comentarios: