1.3.14

Espiritismo, flema e festa jolgorrio



Un bo amigo, que acaso estea agora lendo esta columna, agasalloume co relato dun delicioso sucedido, que, á súa vez, lle participou un colega seu, profesor nos Estados Unidos. É o caso que a alumna dunha prestixiosa universidade propuxo a certo catedrático senior redactar, baixo a tutela académica deste, a súa memoria doutoral sobre a vida e obra dun personaxe moi pouco coñecido do século XIX, arredor do cal as fontes eran especialmente inexpresivas. Na primeira reunión que mestre e pupila mantiveron para pulsar os avances da investigación, o vello profesor ficou pampo perante a avalancha de datos biográficos despregados pola doutoranda. Cando esta, vendo o grato asombro do seu titor, confesou que todo o obtivera directamente do seu biografado, aquel non puido menos que preguntar,  no colmo da estrañeza, como podía ser iso, tendo en conta que o fulano levaba cento cincuenta anos dando malvas. A moza, con absoluta seriedade, confesoulle que establecera contacto co personaxe nunha sesión de espiritismo, manifestándose a pantasma reservada ao principio e remisa a falar de si, pero ao pouco disposta a colaborar no inquérito da súa vida. A reacción, polo visto, do profesor foi serena e, con toda delicadeza, animou a súa discípula a seguir transitando un procedemento investigador que, malia a súa evidente heterodoxia, semellaba estar rendendo tan ricos froitos. O que, para o seu chaleque, o bo do home pensaría de verdade é algo que a crónica do meu amigo non completa, pero que, na verdade, resulta indiferente. Imaxinan un profesor universitario español no mesmo caso?
Teño para min que a contención expresiva tan característica dos pobos anglosaxóns é un trazo social de máis fondo calado ca o que poida semellar a primeira vista. Malia o deostada que resulta a ollos mediterráneos, a flema das xentes boreais induce máis ao pensamento cá emoción e neutraliza, ou cando menos atempera, o aguillón do estímulo primitivo co xuízo e a reflexión, todo o cal contribúe, sen dúbida, a alicerzar o seu éxito como culturas preponderantes do mundo. En compensación, por estes pagos consolámonos crendo que a festa jolgorrio é un patrimonio que xa quixeran americanos, suecos ou holandeses e venerando como xenios a provectos políticos de pelo branco aos que se lle vai toda a forza pola boca, xesticulando como histrións, berrando e insultando. Dando exemplo, vamos.

No hay comentarios: