
23.12.13
San Google

6.12.13
Ambicións e reflexións
Na recente presentación dun libro no
que participo cun breve relato (discúlpeme a promoción pero permítame
suxerirllo como estupendo agasallo de Nadal: España negra. 27 relatos policíacos, Madrid: Ed. Rey Lear), o
editor do mesmo quixo ilustrar ao respectable cunha metáfora da actual
situación cultural de España. Agarrou o botellín de auga mineral que tiña
diante e un rotulador que levaba no peto da camisa e marcou aproximadamente o
quinto superior da botella plástica para afirmar que esa pequena parte, á que
probablemente pertenciamos todos os circunstantes, é a que emerxe dun océano de insondable
incultura, oportunismo, zafiedade e corrupción. O resto da botella é o fondo
dun iceberg social, paradigma do mal momento que vive o país, lentamente fraguado
nos últimos decenios a base dunha alarmante erosión do respecto, a educación e
o cultivo do pensamento. Concedo que existe un conglomerado de factores que
excitaron tan deplorable depauperación cultural pero non quero esquecer a diminución
paulatina dos índices de lectura como un elemento determinante do proceso,
malia dubidar en ocasións se como causa ou efecto. O que si sei é que non teño
nada que ver con ese fondo de iceberg e que, ben en troques, levo traballando
arreo, tanto profesional como persoalmente, contra ese estado de cousas,
esperanzado da miña achega a unha sociedade civil moderna, culta e aberta, practicando,
precisamente, o respecto e a educación e promovendo, no que podo, o cultivo do
pensamento. Por iso sinto que non me merezo un país tan escandalosamente
inculto. Non se trata, ollo, de propender unha aristocracia da lectura e recuperar
a Proust, Lampedusa ou Thomas Mann como autores populares. Pero digo que entre
estes e os produtos literarios de Vicky Martín Berrocal, Naty Abascal ou Belén
Esteban debe haber termos medios, nos que exercitar, con saúde e proveito
espirituais, a imaxinación e o amor polas causas nobres e boas que fan do
patrimonio literario da humanidade un dos cumios do seu xenio. Teño para min
que non ler Shanti Andía, Moby Dick, Robinson Crusoe, O último
mohicano ou Ivanhoe cando se
teñen doce anos é unha perda irremediable. Logo, xa a alma ten callos e durezas
que embotan a imaxinación e a lectura perde o seu compoñente de admirable e
marabillosa aventura. Que as memorias da princesa
del pueblo, compiladas por un tal Izaguirre, e o profundo ensaio Que haría Vicky sexan os best-sellers
deste Nadal constitúen, para oprobio de todos, o símbolo dunha sociedade en
caída libre.
Etiquetas:
cousas nas que anda un,
lectura,
sociedade
Suscribirse a:
Entradas (Atom)