13.12.09

Dubito ergo sum

Teño este local ultimamente abandonado. Cada vez que entro nel e observo que o último post ten seis, sete, dez, doce días... sinto un desasosego que daría para outro libro como o do vate lisboeta. De feito, aínda que poida soar a excusa va, isto que escribo, o escribo para safarme da vergonza de recoñecer que non teño de que escribir. A política, o AVE galego, a folga de fame de Aminatu, os últimos escándalos inmobiliarios, a grisalla que anega a cultureta patria, a amenaza do e-book, a fin da crise anunciada polo presi (lagarto, lagarto!) son outras tantas lousas sobre o meu espírito xa aburrido, de escasa ou nula capacidade de mobilización para unha reflexión minimamente orixinal, irónica ou chispeante.
Os adolescentes teñen unha idea sobre o amor que se lle parece moito aos caprichos dos nenos que, en moitos sentidos, aínda son. É un amor pouco serio, nada sistemático e por completo afastado da idea do compromiso. Poñamos que Dani, dezasete anos, anda tolo detrás de Vane. Despois de catro meses de ofensiva, cando ao final a piba accede, na primeira sesión de morreo, o rapaz descobre un breve, un levísimo refacho de halitose na súa namorada, que bota por terra, nun segundo, unha paixón que el cría tan intensa. Algo así me ocorre a min con esta bitácora. Creo amala con forza arrebatada pero non lle tolero o máis mínimo defecto. E ela, que culpa terá?

3 comentarios:

apicultor dijo...

A blogosfera galega anda, despois de momentos de esplendor, en horas baixas, cun descenso en progresión xeométrica de lectores e de comentarios. Véxase, ao efecto, o recente post de Arume dos Piñeiros. Esta crise semella xa estrutural, e eu tamén son pesimista ao respecto.

O facebook e demais redes sociais están a matar os blogs, parece bastante claro. É o que teñen estes tempos líquidos que vivimos.

Algúns blogs subsistirán, de certo. Os mellores ou os máis tenaces. Non sei se o seu, amigo Juan Luis, é dos máis tenaces, pero si dos mellores.

Unha aperta nesta tarde fría de invernía.

Anónimo dijo...

Coido que non hai que darlle moitas voltas, Sr. Valdés. Ben sabe que todo ten un fin. Tras desto virá o outro e así, até o infinito e máis aló.
Eu pásoo moi ben por aquí, pero en fin.
Isto deberíanos levar a reflexionar sobre a paixón que lle imos poñendo ás cousas. A blogosfera parecía que ía ser a fin de todo e o comezo doutro todo, nada ía poder con esta nova ferramenta de comunicación e información (vaia imaxinando o sorriso cínico dalgún can vello do periodismo cando vexa pechar o último blog). E xa ve. Agora tócalle ao facebook, wonder of the wonders... até que o aburrimento e/ou calquera outro produto, que seguro xa está entre nós sen decatarnos del, arrasen con el.

juan l. blanco valdés dijo...

Teñen vostedes, caros amigo, boa razón. Pero, no meu descargo, direi que:
a) non se me da un ardite da crise estrutural do blogomillo, da que fala Api. Eu nunca fixen parte do blogomillo "oficial" pois non me sinto partícipe de "corrente" ou "sistema" algún. Eu, e teño a esta bitácora por tal, son un bicho raro e por min que veña o mundo abaixo, que, con que eu teña azos, seguirei adiante.
b) verbo da paixón da que fala o amigo anónimo, hei de dicir que o mellor antídoto contra o desánimo e non poñer nunca demasiada paixón nas cousas, porque logo pasa o que pasa. Eu neste local poño esforzo, algunha idea, agarimo, humor e... pouco máis. Paixón ningunha.
En fin, que moitas grazas polas visitas e a fidelidade. Eu permanezo, como rezaba a F verde al mérito en el servicio que entregaron a un meu irmán na OJE, inasequible al desaliento.
E se quedo sen lectores, pois léome eu que mellor so que mal acompañado (e non o digo por vostedes, que son un encanto de xente).
Un agarimoso flaxmh (que é o que vou escribir no recadro de abaixo en breves segundos) para ambos los dos.