15.12.09

Aspiracionalidade? Si, eehh, é dicir... molar

O finado de meu pai, en gloria estea, avogado de pueblo, relatoume un sucedido moi gracioso, no que se demostra o necesaria que, por veces, resulta a transgresión dos límites sociolingüísticos en beneficio da mellor comprensión dos conceptos. Celebrábase un xuízo, por demais chocarreiro, no que pesaba sobre o encausado a morte dunha cabuxa. É o caso que o tipo, dipsómano adoito pero cegado na noite de autos por unha inxesta etílica de especial intensidade, tras procurar abusos deshonestos cunha veciña de idade provecta que se lle opuxo valientemente, ben como venganza, ben como canalización do ímpeto erótico insatisfeito, decidiu orientar o calentón ao devandito animal caprino, que se atopaba na eira da casa, atado a unha estaca. Sexa que a resistencia do cadrúpedo foi grande, sexa que a forza de empuxe do pretendente excesiva, ao cabo a cabra finouse, aganada polo cordel que a suxeitaba. Con ocasión da vista oral, a xuíza, que era muller seria e estatuaria, inquiría á caraja da vella sobre as intencións do asaltante:
-¿Practicó el coito el aquí presente, don Fulano, con usted?
Ao que a outra respostou non entender. Insistía a xuíza:
-Le pregunto si llegó a consumar con usted el acto sexual.
-Eu non lle entendo o que me quere dicir.
Meu pai, que era o defensor de oficio, interviu:
-Con la venia, señoría, e dirixíndose á vella
-Que si a fodeu.
A vella replicou que o outro (literalmente) estivera chuza que chuza pero non fodeu nada, máis quixera.
E así que unha palabra acolle a claridade e plenitude do significado, mentres outra, que vale o mesmo, resulta escura, opaca e pouco lúcida.
Nun interesante artigo, curto e de lectura amena (que é moito dicir), sitúase o e-book como o gadget (dispositivo-cacharro-cachivache-chirimbolo provisto dun atractivo tecnolóxico, cfr. wikipedia, sub voce) capaz de converter a edición e a lectura (polos extremos dun mesmo proceso) en algo con aspiracionalidad, palabro opaco e feo, moi de hoxe, que os autores traducen piadosamente por molar. Ah, isto é outra cousa! Aspiracionalidade e molar. Se, de feito, a lectura amosa tan baixos índices entre os adolescentes e pola ausencia de aspiracionalidad [do libro], de ser un objeto cuyo consumo ostentoso diga algo de quien lo porta, por la incapacidad para transmitir valores deseables del consumidor. O e-book, en troques, é un gadget que pertence, cando menos de momento, ao terreo dos consumos deseables, do que "mola tener", fundamentalmente caracterizados, entre outros trazos, pola súa rápida obsolescencia.
Eu, que observo o mundo co rostro saudoso de quen lembra con moitísimo amor o seu pasado, creo cada vez máis firmemente que, ao igual que ocorreu co trebello de Gutenberg hai cincocentos anos, nada será como foi ata hoxe e que é posible, mesmo probable, que pese sobre o libro impreso unha sentenza inapelable. E, con todo, non podo deixar de sentir un punto de tristura, un chisco de honesta e tenra compaixón, ollando os centos de libros que me observan dende os seus andeis, moitos deles amigos de vello, preguntándose, preguntándome, sen que teña eu resposta, o tempo que lles queda

9 comentarios:

Ferrmín-e dijo...

Somos dous.

"Convivirán", si, convivirán, vanlle dicir.

Así un día se funda FENOSA e logo han de vir petar na porta.

Ferrmín-e de novo dijo...

Por certo: ¿"resbalamiento" é o título da publicación? Vese que é tendencia o de inventar palabros feos.

Anónimo dijo...

Aspiracionalidade está ben. A min gústame crear palabros por engadidos (vale máis que sobre que non que iso). Despois desto virá o verbo aspiracionar e o sustantivo aspiracionación que, co tempo, parirá aspiracionacionalidade, e así até o infinito e máis aló.
Pois a min aspiracioname (ou mólame), que quere que lle diga?

SurOeste dijo...

"aspiracionación" é feo, parece que quedaches prendido e que non dás saído da trampa silabesca; eu propoño como substantivo de-verbal de "aspiracionar" "aspiracionadura". Mola?

Anónimo dijo...

Pois si, oes. Está ben.
Iso permisionaríanos o cubrimento doutras niveladuras antes de achegamentar ao cumio total. Fixaciónese de que de aspiracionadura xa case sae sen esforzo aspiracionadurar e de aí a aspiracionaduración xa non hai nada. Acabamientaremos, sen dúbidación, falando unha lingua chea de polipolipolisílabos que vai ser difícil de interpretacionar. Non sei se me explicaciono.

juan l. blanco valdés dijo...

Explicaciónase vostede dun xeito especificamente explanacionista. Desque me enterei de que os pedagogos chaman o recreo "segmento de ocio" estou que non me chega a camisa ao colo.
Eu propoño unha koiné entre o barallete, o trampitán e o latín canteiro, nunha dinámica nomeadamente creacionística e compromisiva dirixida á creación do Esperanto galego, un idioma universal, si, pero sinladamente exclusivacionista e reservado ao territorio histórico da nosa C.A.
O Leitmotiv reivindicacionadero desta nova formulación glosolalioidiomatizadora ben podería ser Esperanto, esperanto, sólo sabes bailar chachachá.
Aullem.

Anónimo dijo...

Home, si. Á hora de leitmotivacioar, por suposto que si.
Poderíamos tamén contemplacioar, á visualizacionalidade do asunto do recreo, o aquel de "Segmentar, segmentarei". É un ideamento, claro, sen animacionanidade de contradicioamento.
Buff!

cãosemdono dijo...

Algo diso xa nos advertira Thorstein Veblen hai máis de cen anos, coa súas teorías da clase ociosa e o consumo conspicuo, nun tempo en que as bombillas de Edison era "lo last de lo last". E as cabras foron sustituidas por bonecas hinchables para uso e disfrute do personal na soidade das urbes. Tan pouco adiantamos en todo este tempo, mira tí...

Fermín-e aguén. dijo...

¿Adiantamos? Que optimismo, Câo...