Conduce a algures argumentar que neste país botamos media vida mirándonos o embigo? Non é só o feito de dicilo teimar en seguir ollándonos o embigo? O meu amigo Arume cre, con razón creo eu, que no rollo patatero da lingua e a política lingüística (por certo, e por joder aínda un pouco máis, pido para o redactor da postal da plataforma Queremos galego dirixida a don Alberto presidente un galardón abondo para coroar tan senlleiras dotes textuais, xapó!) se substancian a metade das enerxías blogosféricas, o cal non deixa de ser inquietante síntoma dunha necesidade, diriamos case xenética, de polemizar. No entanto, a cultura patria se desenvolve entre academias, unhas reais e outras irreais; aburridísimas e reiterativas presentacións de libros comandadas por un limitado pero permanentemente intercambiable conxunto de rostros dotados dun curioso poder de ubicuidade; unha infinidade de premios literarios, municipais e doutra índole, que son vía segura para unha carreira literaria condenada ás catacumbas dende os seus inicios. Neste circuíto pechado, dende o meu afastamento voluntario a xeito de novo Mendel cos seus chícharos, atopo unha satisfacción tépeda e agradable, unha satisfacción íntima e sen trompeta, cando comprobo que o labor intelectual humilde, calado pero inspirado pola constancia, a ilusión e o rigor, non pasa desapercibido a ollos sensibles, malia non se reflectir de costume nos circuítos "oficiais" da bambolla e os xornais. Loli Vilavedra escribe nas páxinas culturais de "Luces" (El País, 18.12.09):
Somos moitas as persoas que pensamos que a cultura galega só poderá saír do recanto no que cada vez se atopa máis acurralada apostando por estratexias que lle permitan ser máis anovadora que aqueloutras coas que compite, que fagan que a cidadanía atope nela solucións orixinais para problemas novos: un destes problemas é, certamente, a superación da antinomia cultura científica/cultura humanista. A esa superación apuntan iniciativas como a versión galega do Tratado elemental de química de Lavoisier, en femosa edición ao coidado da Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, e que aparece de xeito moi significativo na colección Clásicos do pensamento universal, a carón de obras de Séneca, Darwin, Freud, Newton ou Max Weber. Nun tempo coma este, na que a mestizaxe é case condición obrigada, o coñecemento ten que ser necesariamente promiscuo.
Conste que non o dixen eu. Permitiráseme, en todo caso, o acceso de leve vaidade, na (pequena) parte que me toca?
12 comentarios:
Obrigadísimo pola referencia, pero xa con ganas de chinchar: onde se poden comprar estes libros? Por que non se poden sacar do ámbito académico e poñelos nos estantes das librerías máis coñecidas en lugar eminente?
Arume, cantos quere, pero claro, a cómo os paga.
1)Di vostede que a metade do tempo/esforzo váisenos en discutir sobre a lingua. Este verán, en Santander, fixen eu unha reflexión semellante: en que gastan (cartos, tempo, follas de periódico, escanos parlamentarios, clases, libros de texto, etc...)en Cantabria as forzas que gastamos aquí no asunto da lingua? E que ao non ter esa necesidade non recibén eles esa pasta que recibimos aquí para cubrila, ou si que a reciben e é precisamente a que gastan en ter aquelo como unha patena (que o teñen)? Habería que pensar moito niso.
2)Que vostede ten un gusto inigualable como editor xa quedou claro hai un par de anos cando editou esa xoia da historiografía galega da que vostede e eu sabemos.
Un par de apuntamentos:
a) facemos todos os esforzos que na nosa man están para distribuír os nosos libros cada vez máis e mellor. Máis, no senso espacial de chegarmos a onde antes non chegabamos, e mellor, no senso de perfilar o tipo de lector (e, xa que logo, de libraría) onde ubicar cada edición, en función das súas características. Claro que non se van atopar os nosos "Clásicos" nos quioscos pero, dende hai uns meses, ningunha libraría galega (e estou or dicir española) de certo alcance poderá escusar quen non sabe quén nos dsitribúe e cómo conseguir os nosos libros. Por outra banda, e aceptando que non se edita a Max Weber, zum beispiel, para o "lector medio", é inxusto apoñer o valor pexorativo de "académico" a todo o que facemos. O "Eloxio da loucura" de Erasmo, a "Medicina experimental" de Claude Bernard ou os diálogos de Séneca sobre a felicidade e brevidade da vida, non digo eu que sexan textos divulgativos pero si son, ademais de intemporais, amenos e destinados a públicos que van moi para alén das estreitas marxes da universidade e da academia.
b) dispoñermos dun "feito diferencial", amigo anónimo, tenlle estes inconvenientes, en efecto. Caji no feito diferencial de nuestro señor...
c) celebro que aínda lembre con agrado a edición desa xoia historiográfica. Para min, com ben sabe, foi un pracer.
Barce.
Cando quixen dicir académicos quixen dicir percibidos como académicos que é o que importa a efectos comerciais. Alguén sabe por exemplo onde se poden mercar os libros publicados pola Universidade de Vigo en Vigo? Será recompensado o atopador/a.
A discutir:
Don Anónimo: o diñeiro gastado niso non é o que vai destinado a ter o país como unha patena: para empezar, porque en Cantabria xa poden falar tamén de enladrillados outlaw de última xeración. E para seguir, e isto é o máis importante, porque hai trinta e tantos anos a administración non gastaba unha peseta na lingua e o país tiñámolo feito un país igual: gústanos o ladrillo visto, o recebado gris e os plans de urbanismo cando xa todo está edificado ata a quinta planta (entre outros luxos); ¿vai no carácter?
Sobre o da edición, Don Juan, pois iso: parabéns jordos. Salvo algunha que outra mancha hidaciousa no currículum...
No referente ó lugar destinado os libros nas librerías... ¡hailles tanto que falar! ¿Ten a súa editora orzamento destinado a que os libros aparezan en lugares visíbeis nos grandes centros comerciais? ¿Son as librerías xustas co espazo destinado ós libros (en función de ventas, idiomas, editoras, etc.) nos escaparates? Pois iso. E hai quen confía no ebook e a súa vertente xusticieira gracias ás vantaxes da rede. Coma se os de google fosen irmás da caridade arredadas do monopolístico e as nosas capacidades de difusión online fosen acojoneitings (non vou poñer exemplos de servidores de páxinas como esta nin nada).
Que o 2010 veña para vostedes os catro como lles pete.
Cantabria está acojonantemente coidada. Que pode haber algunha machada? Pode, si, pero aquelo é un sitio exemplar nese eido. Exemplar. Non cabe outra ca envexa, no meu caso, san (por iso no ambiente zen coñécenme como Anónimosan)
Non poño en discusión que a lingua supoña o seu gasto (de tempo e cartos), por suposto, só fago unha reflexión baseada naquela outra que fixo Boadella: "canto tempo e esforzo tería aforrado se tivera nacido en Madrigal de las Altas Torres!" Se ademais temos en conta que eu nacín en Madrigal de las Altas Torres... quen carallo me manda a min meterme nestes madrigales?
Onte nunha céntrica librería coruñesa atopei varios volumes da colección: á parte do Tratado de Lavoisier, estaban o de Weber, Freud, o Sistema do Mundo de Newton e algún máis. E teño que dicir que foi unha agradabilísima sorpresa que me encheu de satisfacción de xeito inversamente proporcional ó baleirado (moi gustosamente) de meu peto.
Tamén quería dicir que me parece que as reflexións de Anónimo sobre a (chamémola) "análise custo-beneficio" da lingua son uns sofismas de libro, e subscribo punto por punto o comentario de Ruibal. Se Boadella tivera nacido en Madrigal de las Altas Torres, disque tería aforrado moitos traballiños. E se por riba tivera nacido con rodas, pois seríalle unha bicicleta, claro. Esto díllelo un que vivíu en Santander durante algún tempo: por certo, o xusto para asistir á escandalosa anulación do seu plano xeral de ordenación do litoral pola xustiza, metendo nunha liada de mil pares de ladrillos a administracións competentes, promotores e propietarios de boa -e menos boa- fe. O asunto coleará durante décadas (en plural). En consecuencia, emplazo a Anónimo (ou calquera outra persona) para que explique detallada e científicamente as presuntas procelosas relacións entre ordenación do territorio e lingua, con especial referencia ós casos vasco e asturiano, por exemplo. Se pode ser.
Felices festas solsticiais a todos.
Don Câo, a esas librerías hai que lles facer publicidade: diga o nome, ca!
Sobre o outro, pois a verdade é que quixen contestar pero acabei calando por non darlle en parte a razón ó AnónimoSan. Non sei se en Madrigal das Altas Torres, pero en Honolulú tería eu saído ó mundo de boa gana. Sobre todo no Nadal.
Tocante ó asunto dos cantabrones, eu andei o pasado verán por alá e pareceume que algo diso había. Pero como o conto era o da lingua, dito foi: ¿onde pode un conseguir o pasaporte honoluleño?
Como ós máis xa llo dixen, vou con vostede: Don Câo, que o 2010 lle traia moitos ósos de caña. Os seus lectores agradecerémolo.
A vere, Don Rui: com licença do dono do furancho, diréille que a tal librería está nos Cantóns, o seu nome empeza por "A" e termina por "renas"... y hasta ahí puedo leerrrrrr...
Así me gusta, amigo semdono, baleirando o peto en libros irrepetibles, cheos de interese e paixón, esmeradas traducións, fermosísimas edicións... iso non é gastar, meu home, é investir, e non andar tirando os cartos nos PIC do Corte Inglés en mercar á ultima novelucha de cabaleiros templarios, gregos ou romanos, que agora tamén andan moi de moda.
Canto aos asuntos que os meus pacientes comentaristas dirimen neste humilde furancho, mentres non xuren nin cheguen ás mans...
Paz, ventura e saúde.
Chego tarde e con unha leria allea ó debate, que incluso pode que xa lle sone (porque o teño contado xa nalgures).
O caso está ambientado, casualmente, nunha céntrica librería coruñesa, á que me acheguei de inxenuo hai xa uns cantos anos coa pregunta: "¿Libros de mecánica de automóbiles...?" recibindo a resposta cortante (pero cortés) de "Non, aquí só traballamos libro galego."
Moito me deu que discurrir aquilo, en termos de "¿son mecánico logo non podo ser galego, ou son galego logo non podo ser mecánico?".
Publicar un comentario