14.3.06

Dios que te crew


Ceibarse da sedutora idea de que a nuestro parecer cualquiera tiempo pasado fue mejor –é dicir, evoluír- é un dos exercicios máis complexos, e individualmente menos frecuentes, da existencia. É enorme o apego que lle atribuímos ás ideas, actitudes, xeitos de xulgar... só polo feito de térmolos por válidos, xa experimentados, comprobados, antigos, tradicionais ou mesmo rutinarios. Vén isto a conto porque hai un par de semanas, unha amiga da Universidade, a profesora de Filoloxía Inglesa Cristina Mourón, tivo a xentileza de me convidar a xantar, a fin de presentarme a un seu irmán, Javier, ilustrador, con estudos superiores de deseño gráfico e de son, por se na miña man estivera botarlle un cable do punto de vista profesional.
Folleando o seu currículo reparei na data do seu nacemento: 1981, cando eu tiña 21 anos. Ou sexa que, malia non ser moi frecuente esta continxencia, ben podería ser o meu fillo. Atopeime cun mozo de avantaxada estatura, longa melena e indumentaria informal. Resulta que, ademais de magníficos traballos editoriais (ilustración, deseño gráfico, confección de maquetas en libros, folletos, carteis, flyers, etc.) Javier, ten, no seu Ordes natal, un grupo de hip-hop, Dios que te crew, do que el é parte básica (ocupándose, ademais doutros mesteres, dos soportes musicais dos temas). Javier -Mou no mundo musical- agasalloume co seu último (e non sei se, de momento, único) CD Ghamberros, feito todo por eles: deseño, gravación, replicación…
Confeso que eu –formado, como paciente pero tamén como axente (tiven dous grupos de música, onde tocaba a batería), no pop máis ortodoxo: dos Beatles a Coldplay- era a primeira vez que escoitaba, voluntaria e conscientemente, un disco de hip-hop. Nunha viaxe longa en coche puxen o CD e, simplemente, fiquei estupefacto, porque, ademais dun grupo de obvio talento, descubrín un xeito de cultura e unhas mensaxes que me eran descoñecidos. Si, cultura, digo e o repito: cultura. Mozos que non dan nada por sentado, que se rin dos pringados que traballamos coma autómatas cinco días para consumir dous (o esquema: semana-fin de semana), que non aturan máis o rollo malo e hipócrita de políticos progres obsesionados por mantérense no machito...
Hoxe sabemos que o rock, o movemento beat, o pop foron xeitos de cultura que determinaron no seu momento rupturas mesmo violentas coas formas establecidas. A prensa española de mediados dos sesenta, a prensa dun país que fedía a pis e naftalina, recibiu os Beatles coma a monos chegados dunha illa lonxana que pouco ou nada tiñan que ver coa rectitude moral de Julito Iglesias ou Jaime Morey.
Hai unha mocidade que emerxe, con problemas substancialmente distintos aos nosos cando eramos mozos, con xeitos de enfrontarse aos retos do futuro renovados, e o distinto non é necesariamente malo. Estou persoalmente farto de acatar por sistema a consigna de que os mozos de hoxe son violentos, están instalados na cultura do hedonismo, rexeitan o esforzo, só pensan en follar e drogarse (por certo, obxectivos prioritarios da miña propia mocidade, ¡e da de tantos benpsantes actuais, algúns con altas resposabilidades políticas: qué axiña esquecemos que fomos nenos, que fomos mozos!). Non digo que non haxa algo, bastante diso; pero tamén descubro, como en Mou, moita sinceridade, moito compromiso, moita solidariedade (véxase, no disco, o número 3. Estranxeiros?), unha acomodación sen fanatismos nin nacionalismos absurdos nin complexos na lingua do seu país, moita gana de traballar e tirar para adiante…
Sei que a suciedade e o ruído derivados do botellón son absolutamente criticables, pero que un país coma España, onde cada 10 casas 3 son bares, cafetarías, baretos, tascas, mesóns, tabernas, parrilladas, clubes, cafés, pubs, discos, disco-pubs, vinotecas e demais do catálogo ludo-etílico, rache as vestiduras perante o botellón non deixa de ser rechamante. Ou é que toda a xente que vai aos bares se emborracha e queima containers? O outro día a miña muller contábanme dunha moza compañeira de traballo que non falta a ningún botellón cando pode e que,
a) non bebe.
b) asegura que as conversas máis interesantes da súa vida as tivo en botellóns.
Evoluír, cambiar, rachar fronteiras e non poñelas, abrirse ao mundo e non pecharse, crer que o outro é o paraíso e non o inferno: eis o reto.
Nota musical: do disco recomendo especialmente os números 2, e 6 e a excelente e relaxante despedida musical final. Obrigado, Mou. Adiante.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

ola! eu podería dicir o mesmo que esa moza compañeira de traballo da túa muller... gústanme os botellóns, os pequenos, non os macros, a carón da praia ou no parque, nas noites de vrao da miña vila, noto que o meu cerebro se atosiga menos que nun pub cheo de fume e con música que non me gusta! é posible tamén recoller o lixo despois, sei de xente que o fai, pero é unha dura batalla... (xa se sabe, sempre pagan xustos por pecadores).
o disco de DQTC está moi moi ben, a min tamén me sorprendeu cando o escoitei! é fresco, diferente, directo.
(enfin, noraboa polo teu blog, hai algúns meses que o sigo pero nunca deixara un comentario... por pudor)
unha aperta de O.

juan l. blanco valdés dijo...

Querida O:

Fondamente obrigado ao teu comentario.Cando isto escribo (19:50 h. do 16 de marzo), supóñoche falando no Casino, espíndote emocionalmente perante un auditorio entregado... Digo o de espirse, porque eu creo que presentar un libro de poemas (cando menos a min me pasa) é unha especia de strip-tease emocional. O resultado vai estar en cánta roupa tires. Seguro que ao público lle vai gustar o que ve.
Cando a xente recolla o lixo despois dun botellón, algo (verdadeiramente ALGO) terá cambiado. Con todo, revisten os seus perigos. Lembro na Oktoberfest (Festa da Cervexa) de Munich ver a dous mil tipos borrachos sen un papel ou unha colilla no chan e..., en fin, asusta.
Moi honrado á túa louvanza do blog. O pudor é coma o tello das potas: impide que saia o aroma do guiso. Un bico.