Gris
Toda sociedade gregaria precisa quen a dirixa. As ovellas agradecen, no fondo, e necesitan, o malhumor dos cans que as levan ao redil. Os lobos fan caso ao xefe da manada. Os músicos dunha orquestra, malia que poidan ser auténticos virtuosos, miran con ansia o seu director para que Haydn soe como ten que soar. No paso do Ancien Regime ao Estado de Dereito, o liderado imposto a herdanza ou a sangre e lume foi subsitutído por un liderado xurdido da vontade popular. Xurdido da vontade popular, pero liderado a fin de contas. Eu non vexo hoxe en Galicia liderado. O que xurdiu da vontade popular é unha parella que, creo, a maior parte do pobo galego mira con indiferenza, escepticismo e aburrimento —dende logo sen o máis mínimo entusiasmo— porque no fondo non representan un auténtico liderado: todos sabemos que, hoxe en política, todo é gris e hai que rasar por abaixo, moi por abaixo, e conformarnos co que hai, sobre a fundada sospeita de que non debe haber nada moito mellor.
O outro día, vin na televisión a Fraga, Fraja, don Manuel Fraga Iribarne, respostar á pregunta dunha xornalista sobre se no seu tempo de mandamento político había espionaxe. Dixo, con esa prosodia súa tan característica:
-En mi tiempos, cuando alguien intentaba espiar yo le cascaba.
A iso me refiro. Antes de botárseme enriba con derivas ideolóxicas, saudades incomprensibles e demais, lea vostede outra vez o post. Ou varias, se é preciso.



















